Inicio > Noticias > Este Día Mundial da Síndrome de Down consegue a túa mochila eco-friendly

Unha mochila cargada de solidariedade é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda unha mochila eco-friendly con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir esta mochila debe reservala no seu quiosco máis próximo desde o luns 9 de marzo ata o venres 13 de marzo, para poder recollela co xornal La Voz de Galicia entre os días 21 e 26 de marzo.

A mochila, feita en algodón reciclado de 150 g/m2, presenta un deseño moi atractivo no que se inclúe o lema da campaña de Down Galicia para este Día Mundial, “Tan diferentes como iguais”. Con este leitmotiv preténdese poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade.

Nesta ocasión, óptase por sumar esforzos a favor doutra reivindicación mundial histórica, a de salvar o noso planeta. Por este motivo, e aproveitando que o Día Mundial da Síndrome de Down coincide co Día internacional dos Bosques, Down Galicia pon á venda un produto sostible e respectuoso co medio ambiente.

Esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia e da Asociación de vendedores de prensa e rede de puntos de venda de La Voz de Galicia.