Inicio > Destacados > Éxito rotundo dos membros das entidades Down nos exames de Compentencias clave

Grandes resultados na avaliación das Competencias clave dos membros das entidades Down de Galicia que se examinaron o pasado 25 de maio en Silleda. Na 13ª edición destas probas, os 15 exames realizados por usuarias e usuarios da Federación no nivel 2 acadaron un resultado positivo, o que supón o 100% dos aprobados.

As persoas participantes coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual examináronse en igualdade de condicións que o resto das preto de 4.000 persoas que se presentaron nesta ocasión. Para que fose posible, foron solicitadas as adaptacións dos exames á metodoloxía de Lectura Fácil (para facilitar a comprensión das preguntas e dos textos), a ampliación da letra e do tempo para cada exame e, nalgúns casos, persoal de apoio.

Neste sentido, as entidades Down en Galicia destacan a importancia de concorrer a este tipo de probas a través do sistema ordinario. Asegúrase, deste xeito, a inclusión social atendendo á diversidade de cada individuo, e garántese que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de acceso e participación tendo en conta as súas necesidades.

Que son as Competencias clave?

As probas de Competencias clave están pensadas para que as persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO ou Bacharelato) poidan demostrar as súas capacidades e coñecementos co obxectivo de acceder á formación para o emprego. Así, estas probas convértense en unha das vías de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 e 3, xa que as persoas que as superan están acreditando uns requisitos formativos que asegurarán que posúen os coñecementos necesarios para acceder aos diferentes cursos.

Hai 4 competencias clave (lingua galega, castelá, estranxeira, e matemáticas) e para cada unha hai dous niveis. O nivel 2 correspóndese co título de Graduado en Educación Secundaria ou equivalente, e o nivel 3 correspóndese con Bacharelato ou equivalente.

Usuarios de Down Lugo

Este ano foron Paula e Sergio os usuarios que se presentaron aos  exames de competencias clave de nivel 2.

Paula é o primeiro ano que prepara estas competencias. Este curso aprobou lingua castelán e o curso que ven quere seguir preparando outra competencia, pero aínda non sabe cal.

Por outra parte Sergio, que aprobou este ano a competencia clave de matemáticas, xa ten aprobadas lingua castelán e lingua galega. O curso que ven quere seguir preparando a única que lle falta, inglés.

Parabéns aos  dous!