Inicio > Destacados > Misión medioambiental con ALCOA

O pasado xoves, 26 de setembro, fomos a San Cibrao a realizar a xincana “Misión Medioambiental” en colaboración cos voluntarios e voluntarias de ALCOA San Cibrao, actividade enmarcada dentro dos Plans de Acción de Fundación ALCOA.

Unha vez alí os/as participantes dividímonos en catro equipos e a cada un se nos asignou un mapa do pobo e un caderno con diferentes probas e preguntas que debíamos descubrir. En todas estas probas poñíase en valor o coidado do medio ambiente e do entorno, as relacións sociais e a inclusión das persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.

Ao finalizar o tempo estipulado para realizar “a misión”, os equipos debíamos acudir a un punto de encontro fixado previamente, onde en función das probas superadas por cada equipo facíasenos entrega de máis ou menos pezas dun quebracabezas que debíamos montar entre todos/as. Nel aparecían distintas imaxes dos lugares de San Cibrao polos que pasaramos durante a xincana así como distintas mensaxes sobre o coidado do medio ambiente.

A pesar da calor que fixo durante toda a tarde e a canseira que supuxo ir superando cada unha das probas, pasamos unha tarde moi divertida onde as risas e o bo ambiente estiveron sempre moi presentes.

Agradecemos á Fundación ALCOA e aos seus voluntarios/as que contaran con nós para realizar esta actividade.