Inicio > Destacados > Gústache ler? Únete ao noso Club de Lectura Fácil

Aló polo mes de setembro de 2010 iniciamos na nosa Asociación un Obradoiro de Lectura. Queríamos fomentar o gusto pola lectura nos nosos rapaces e rapazas, mellorar a súa comprensión lectora, que ampliaran vocabulario e aprenderan novas cousas, ao tempo que se creaba un espazo de relacións persoais e de cohesión social.

Este obradoiro contou con 4 participantes que tiñan sobre 20 anos. Tiñan diferentes capacidades lectoras, pero tiñan en común o seu grande interese pola lectura. Foi unha experiencia moi positiva e enriquecedora para todas as persoas participantes e continuamos levándoo a cabo os seguintes anos.

Despois desta experiencia piloto, en setembro de 2013 decidimos crear de maneira formal o Club de Lectura Fácil de Down Lugo, un grupo de persoas que se reúnen de forma semanal para ler e comentar ao mesmo tempo un mesmo libro. Ese ano aumenta o número de participantes sendo de 10 e se inaugura o club coa lectura do libro Capitanes Valientes.

Ao longo deste anos participaron 18 persoas de diferentes idades e se leron 6 libros en lectura fácil. Ano tras ano a valoración do Club segue sendo positiva e as persoas participantes descríbeno como un espazo onde aprender, estar a gusto, pasar ratos tranquilos, pasalo ben, desfrutar de historias…

Pasaron xa 9 anos… e chegados a este punto, críamos que era o momento de dar un paso máis. Un paso máis cara á inclusión. Chegou o momento de abrir este Club de Lectura a todas as persoas interesadas en participar, teñan ou non discapacidade.

A raíz dun obradoiro levado a cabo o curso pasado na biblioteca pública, xurdiu a idea de levar a cabo o noso Club de Lectura Fácil alí e que nel puidesen participar calquera persoa que lle guste compartir a lectura con outras persoas.

O Club de Lectura Fácil comeza o próximo mércores 16 de outubro co Libro de la Selva. Estaremos na Sala Multiusos da Biblioteca Pública de Lugo ás 10:30 horas e contamos coa túa participación.

Esperámoste!