Inicio > Destacados > Reinicio da actividade presencial en Down Lugo con sesións individuais

Coa chegada da nova normalidade a Galicia, Down Lugo retoma pouco a pouco a atención presencial, programando sesións de traballo de forma individual e con cita previa. Estes encontros levaranse a cabo de maneira segura e adoptando todas as medidas de seguridade estipuladas polos organismos competentes.

Dende a Asociación queremos resaltar que será de vital importancia que, ante o mínimo síntoma de coronavirus (tose seca, febre, fatiga ou dificultade para respirar), as persoas usuarias e as súas familias non acudan á entidade aínda que teñan unha cita programada. A prevención é a mellor ferramenta na loita contra o virus.

Nun primeiro momento, retomaranse as sesións de traballo presenciais con aquelas persoas pertencentes aos grupos máis vulnerables, como é o caso de aquelas que se encontran en situación de brecha dixital ou aquelas que están notando de maneira máis notoria un retroceso cognitivo.

As sesións en grupo e o resto de actividades levadas a cabo pola entidade terán que esperar a que a Xunta autorice a súa realización. Mentres non existan novas indicacións ao respecto, as e os profesionais da Asociación seguirán prestando servizos a distancia por medios telemáticos como levan facendo dende o inicio do estado de alarma.

Down Lugo continúa a disposición das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, e das súas familias, no teléfono da entidade (982.240.921) e a través do seu correo electrónico (downlugo@downlugo.org)