“Na diferenza está a riqueza” é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda unha cunca metálica de estilo vintage con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down de 2023.
A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.
Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir esta cunca debe reservala no seu quiosco máis próximo desde o luns 13 ata o xoves 16 de marzo, para poder recollela co xornal La Voz de Galicia entre os días 20 e 26 de marzo por tan só 4,95€.
Esta cunca metálica, de 380ml de capacidade e estilo retro, presenta un atractivo deseño elaborado pola artista ourensá Olalla Diéguez Boó. A colorida ilustración ten por título “Wonderfully different” e baséase no concepto de que, ao igual que hai animais que poden parecer idénticos pero son únicos na súa especie, non existen dúas persoas coa síndrome de Down iguais.
Esta iniciativa englóbase dentro da campaña “Non somos un estereotipo, somos moito máis” levada a cabo pola Federación Down Galicia e polo resto de entidades Down de España para conmemorar este Día Mundial da Síndrome de Down, e é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada cunca vendida co seu xornal.
Ilustración de Olalla Diéguez Boó para a cunca de Down Galicia
Olalla Diéguez Boó, natural de Matamá (Laza), é deseñadora gráfica, pintora e ilustradora creativa. Atraída polo audiovisual galego traballou na CRTVG como grafista, compartindo estes traballos coa docencia na escola de Arte ECO. Dende nena amosou unha especial sensibilidade para conectar coa natureza e transmitir a esencia das persoas e dos lugares. Ademais, Olalla é tamén pintora de caretas de peliqueiro, entroideira e nai dunha pequena, Aura, que ilumina o seu día a día.