Inicio > Destacados > Seguimos na Liga Genuine!

A Liga Genuine Santander é unha iniciativa que organiza a Liga de Fútbol Profesional a través da súa Fundación y consiste na creación dun campionato para persoas con discapacidade intelectual. Xurdiu no 2017 e esta tempada continúa medrando e conta coa participación de 36 equipos.

É unha liga na que non só se suman os resultados deportivos, tamén o fan as actitudes positivas de deportividade que se mostran durante os partidos. Os equipos contan, en cada xornada, cunha serie de puntos que premian o comportamento e as accións de deportividade e xogo limpo dos xogadores e xogadoras, técnicos/as e afeccionados/as, habendo ao final da liga un premio ao equipo que sume máis vitorias e outro ao equipo que consigue maior puntuación en termos de “fair play”.

Para comezar con forza a nova tempada o CD Lugo Genuine foi premiado no mes de outubro na Gala do Deporte Lucense na XV edición dos premios que concede El Progreso, sendo recoñecido na categoría “Capacidades Especiales”.

Nesta gala o equipo subiu con moito orgullo e ilusión ao escenario do Auditorio Gustavo Freire, acompañado dos seus adestradores/as, para recibir un premio que recoñece valores como o compañeirismo, a deportividade ou a solidariedade.

O equipo CD Lugo Genuine, está formado por persoas de diferentes asociacións da provincia, e conta coa participación de 7 rapaces/as da nosa Asociación.

Adrián, Carla, Jesús, Luís, Sabela, Sergio e o resto dos seus compañeiros/as comezaron os adestramentos o pasado mes de outubro. As sesións teñen lugar os venres, cada dúas semanas, en horario de 16:30 a 18:00 no campo de fútbol de As Gándaras.

Os días 15, 16 e 17 de novembro teñen o primeiro torneo da tempada en Tarragona. Moita sorte!