Inicio > Síndrome de Down > Persoas coa síndrome de Down

TESTEMUÑAS

«A día de hoxe podo dicir que Iria foi o maior regalo que nos puido tocar porque é unha nena encantadora que todos os días nos sorprende con algo positivo. Todo en ela é especial e os seus abrazos non teñen prezo ».

Inés, avoa de Iria, unha nena de 6 anos coa síndrome de Down.

«Moitos din que é “un neno especial”, eu tamén o creo, pero para min é especial porque nunca coñecín a ninguén que te agasalle sempre cun sorriso sincero, que o máis importante para el son as persoas, non as cousas. Non xulga e os seus enfados non levan resentimento»

Olalla, madriña de Alberto, un rapaz coa síndrome de Down de 14 anos.

«Aínda cos primeiros meses o pasei mal, por non saber o que me agardaba e o que era realmente ter a síndrome de Down e as súas consecuencias, busquei forzas e loitando día tras día fomos superando probas e dificultades, sempre coa axuda da miña familia e amigos. Estou orgullosa da miña preciosa nena, é tan alegre, irradia tanta felicidade e dozura que me fai sentir a mamá máis feliz de este planeta».

Cristina, nai de Lucía, unha nena de 8 anos coa síndrome de Down.

«O feito de ter un irmán coa síndrome de Down co que tes pouca diferencia de idade supón vivir unha experiencia na que tes que aprender a aceptar e apreciar tanto as virtudes coma as limitacións de cada un. Sen dúbida estas vivencias fante máis tolerante e aberto a outras formas de ver a vida».

Miguel, irmán de Sergio, un mozo de 20 anos coa síndrome de Down.

«Cada día, sen excepción, lévome unha lección de vida nos petos. Quédome co esforzo diario, a perseveranza, o afán de mellorar, a determinación, o optimismo vital, a alegría, a espontaneidade, a resiliencia, a  vontade e outros valores admirables que puiden ir atopando aquí e acolá, por distintos recunchos deste lugar».

Carolina, profesional de Down Lugo.

«En Down Lugo encontro a chicos e chicas con moita ilusión e ganas de aprender, de facer as cousas ben, de superar as barreiras ás que se enfrontan día a día e sobre todo con moita ganas de desfrutar da vida».

Aitor, voluntario en Down Lugo.

«… e aprendemos moitas cousas xuntas. Lucía aprendeu  moitos contidos dos que ensinamos nas escolas, pero, sobre todo, aprendeu a formar parte dun grupo e do cole.  E eu aprendín a entendela, a admirala, a valorar o seu esforzo, a sentir cada pequeno avance como seu, como un logro que celebrar, contar e compartir».

Lucía, profesora de apoio de Lucía, unha nena de 9 anos coa síndrome de Down.

«Os traballadores da tenda tivemos a gran sorte de poder compartir esta etapa con Fran. Para moitos pode que soamente sexa unha experiencia máis de traballo pero para nos supuxo unha nova experiencia persoal. Fran mostrounos que non existen barreiras en todo o que se propón».

Sara, responsable de Fitness na tenda Decathlon e compañeira de traballo de Fran, un mozo de 31 anos coa síndrome de Down.

«Nunca imaxinei que fose tan capaces e soubesen tanto. Pensei que lles ía costar moito máis, pero ían a par de todos. Son uns chicos estupendos cos que me divertín e dos que aprendín moitas cousas.».

Lili, compañeira de Fátima, Saúl, Isabel e Iria nun curso de formación para desempregados (AFD).

«Antes de realizar este traballo, pensaba que estaba ben a inclusión de persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedad, pero despois de realizar esta labor de apoio son unha firme defensora da inclusión».

Loli, profesora de apoio de rapaces coa síndrome de Down nun curso de formación para desempregados (AFD).