A través da Secretaría Xeral de Igualdade Down Lugo acaba de recibir unha axuda para o Programa de Atención Integral para o fortalecemento das capacidades persoais, sociais e laborais das mulleres con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais da provincia de Lugo.
Este programa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das mulleres con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a través de plans personalizados de inclusión dirixidos a proporcionar apoio e ferramentas para que as mulleres desenvolvan habilidades, actitudes e coñecementos que lles permitan progresar de forma satisfactoria en diferentes ámbitos das súas vidas.
Están a participar nel 27 mulleres integrantes da nosa Asociación dende o mes de xaneiro e continuarán ata o 31 de agosto deste ano.
O programa, enmarcado dentro dos programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, está a ser valorado moi positivamente por todas as persoas participantes xa que están conseguindo avances importantes nos seus plans personalizados.
Esta axuda está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2. Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico 4.8. Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non-discriminación e a participación activa e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.H.03. Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.