
Down Lugo segue avanzando na inclusión laboral de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. A última gran nova chega desde A Mariña lucense, coa incorporación de Nazaret Barroso, veciña de Lourenzá, ao persoal do Concello de Ribadeo, onde desenvolverá durante un ano as funcións de ordenanza dentro da administración municipal.
Este éxito non é froito da casualidade, senón o resultado directo do proxecto de Promoción e visibilidade do proxecto de inclusión sociolaboral para persoas con discapacidade intelectual. Esta iniciativa, impulsada por Down Lugo, foi subvencionada pola Consellería de Política Social e Igualdade- Dirección Xeral de Persoas con discapacidade, e tivo como obxectivo realizar unha xornada institucional e técnica dirixida a sensibilizar á administración local sobre os dereitos e capacidades laborais deste colectivo.
O proxecto naceu coa xustificación estratéxica de incidir na Mariña Lucense, unha contorna onde a reducida dispoñibilidade de oportunidades esixe unha implicación proactiva das institucións próximas á cidadanía. A xornada, celebrada o luns 18 de maio en Ribadeo, serviu para poñer en valor a metodoloxía de Emprego con Apoio, demostrar a valía profesional do colectivo e derrubar estereotipos limitadores.
A raíz do coñecemento xerado, do intercambio de boas prácticas neste acto e do impulso económico da Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo recolleu a testemuña, convertendo a teoría en práctica incorporando a Nazaret, usuaria da nosa entidade, ao seu cadro de persoal.
Nazaret, que viña realizando un itinerario formativo orientado ao emprego e á administración pública, afronta agora esta etapa nunha contorna laboral normalizada. Contará cos apoio adecuados que caracterizan a metodoloxía de Emprego con Apoio, garantindo unha inclusión efectiva, estable e de calidade.
Durante a presentación do programa, a presidenta de Down Lugo, María José Blanco, quixo destacar a transcendencia deste fito: “cando unha persoa ten a oportunidade de demostrar a súa valía profesional estamos rompendo o ciclo da exclusión e permitindo que a súa contribución social sexa visible e valorada en igualdade de condiciones”. Así mesmo, Blanco aproveitou o marco de éxito do proxecto para animar a outras administracións locais e entidades da provincia a seguir o exemplo de Ribadeo e a apostar por programas que abran as súas portas á diversidade.
Con esta incorporación, Down Lugo consolida obxectivos, demostrando que a colaboración entre o tecido social, o goberno autonómico e a administración local é unha ferramenta eficaz para garantir que o dereito fundamental ao emprego sexa, por fin, unha realidade accesible para todos e todas.










