982 240 921

Home Destacados Colabora con Down Galicia mercando un vaso térmico polo Día Mundial da...

Colabora con Down Galicia mercando un vaso térmico polo Día Mundial da Síndrome de Down

Un ano máis, La Voz de Galicia colabora con Down Galicia poñendo á venda un novo produto con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. Así, neste 2026 poderase adquirir un estupendo vaso térmico co que poderás levar a inclusión contigo.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir este vaso térmico debe reservalo no seu quiosco máis próximo desde o luns 9 ata o xoves 12 de marzo, para poder recollela entre os días 16 e 22 de marzo por tan só 4,95€.

Este vaso térmico, feito de aceiro inoxidable, conta cunha dobre capa que conseguirá que a túa bebida se manteña fría ou quente durante varias horas. Ademais, ten unha tapa dosificador de seguridade e unha capacidade de 310 ml. O vaso perfecto para tomar unha bebida quentiña ou refrescante no teu día a día ou nas túas escapadas.

Ademais, presenta un atractivo deseño que busca implicar a toda a sociedade no obxectivo de incluír ás persoas coa síndrome de Down en tódolos ámbitos da vida. Porque depende de todas e de todos que poidan participar de forma activa en todas aquelas actividades que conforman o noso día a día: aprender na escola, desfrutar do ocio, traballar… O obxectivo está nas nosas mans. Fagámolo posible!

Como cada ano, esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada vaso térmico vendido co seu xornal.