Aprobado o novo baremo de recoñecemento da discapacidade

Este martes quedou aprobado polo Consello de Ministros o novo procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, que substitúe ao que estaba en vigor desde 1999. Este Real Decreto adáptase ao modelo social da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas cun enfoque de dereitos humanos.

O novo texto establece uns criterios obxectivos para a valoración e cualificación do grao de discapacidade en todo o territorio do Estado, garantindo con iso o acceso en igualdade de condicións para toda a cidadanía. Ademais, proporciona unha base científica para a comprensión e o estudo da saúde e dos compoñentes sociais e económicos que impactan na persoa, garantindo unha descrición máis precisa e completa do grao de discapacidade que redunda nunha maior eficiencia e transparencia.

A aprobación deste novo baremo dá resposta a unha demanda das persoas con discapacidade que levaba bloqueada 10 anos e inicia un longo proceso no que os equipos profesionais de valoradores deberán adquirir formación para aplicar de maneira práctica o novo Real Decreto. No devandito proceso, participarán ademais en primeira persoa representantes da sociedade civil da discapacidade como integrantes da Comisión de Valoración da Discapacidade.

En novo Real Decreto establece tamén que os e as menores con discapacidade exercerán os seus dereitos en igualdade de condicións, sen discriminación por motivos de idade ou discapacidade, recibirán asistencia e apoios adaptados ás súas circunstancias e terán o mesmo dereito que as persoas adultas a ser informados e escoitados.

Ademais, como novidade, a súa tramitación pon no centro á persoa, flexibilizando o proceso a través de medios telemáticos e asegurando en todo momento a accesibilidade universal. Así mesmo, permite que a persoa con discapacidade poida ir acompañada dunha persoa de confianza, o que redundará favorablemente na autonomía e seguridade das persoas con discapacidades severas ou grandes necesidades de apoio.

A partir de agora, este novo baremo permitirá realizar unha valoración e cualificación máis certeira de realidades que causan discapacidade como as discapacidades psicosociais, o autismo ou as enfermidades raras. Tamén dispón dunha valiosa fonte de información para o estudo e observación das realidades derivadas da discapacidade, situación real e evolución, permitindo a comparación entre países, disciplinas e servizos en diferentes momentos ao longo do tempo, e facilitando a explotación de información noutros campos da saúde.

A ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, destacou que o novo baremo é «unha demanda histórica». «Por fin terminamos con esa situación aprobando un novo baremo con criterios máis obxectivos, máis precisos e máis humanos, os trámites van ser máis áxiles e flexibles», sinalou.