O Comité de entidades de representantes de persoas con discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) reclamou que a inclusión, o benestar e os dereitos das persoas con discapacidade deben comezar desde a infancia, debido a que nesta primeira etapa as nenas e os nenos con discapacidade e a súa contorna familiar están máis expostas á quebra dos seus dereitos e a sufrir a carencia de apoios e recursos que comprometan o seu proceso de inclusión, o que condiciona gravemente o seu futuro.
Unha reivindicación que o Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI) e a Fundación CERMI Mujeres (FCM) fan no seu manifesto para o Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e á que tamén se suma o CERMI Galicia.
Esta efeméride celébrase cada 3 de maio desde que fose establecido oficialmente polo Consello de ministros en 2019, a proposta do propio CERMI. Neste 2022 o Comité quixo poñer o foco nun dos colectivos máis vulnerables de entre as persoas con discapacidade, así que o seu manifesto, baixo o título ‘Nenas e nenos con discapacidade, inclusión desde o principio’, dedicouse á defensa dos dereitos da infancia con discapacidade, poñendo énfase no artigo 7 da Convención de 2006.
Nel especifícase que “as nenas e os nenos con discapacidade son parte inseparable da infancia, que é plural e diversa, coa que han de relacionarse e interactuar como uns iguais máis, en contornas compartidas, inclusivos e respectuosos, sen que sexan admisibles separacións que aparten da vida en comunidade”.
Neste sentido, ambas as entidades destacaron a necesidade de identificar e detectar as situacións de discapacidades na infancia o máis pronto posible, e aseguraron que se debe regular a atención temperá e o desenvolvemento infantil como “dereitos subxectivos esixibles, vinculantes, universais e gratuítos para toda a infancia con discapacidade, así como con deficiencias ou alteracións de saúde e no desenvolvemento susceptibles de xerar unha situación de discapacidade”.
Así mesmo, esixiu para a infancia con discapacidade unha atención e prestacións sanitarias de calidade, e contornas seguras con relacións igualmente seguras, “nos que quede preservada sempre a súa integridade e benestar, protexidos contra calquera forma de violencia, malos tratos e abuso, especialmente do acoso asociado a motivos de discapacidade e preservados contra a privación lingüística”.
Doutra banda, CERMI e a FCM afirmaron no seu manifesto que “a discapacidade non é neutra en termos económicos e de renda”, xa que “a discapacidade leva consigo case sempre menor renda dispoñible e tamén maior gasto”. Contra esta situación que cualifican de “agravio económico por motivos de discapacidade”, piden que se outorgue á discapacidade “o mellor tratamento en todas as políticas e sistemas de protección social e de saúde (Seguridade Social, Sistema Nacional de Saúde, servizos sociais, autonomía persoal e atención á dependencia, rendas básicas, fiscalidade, etc.)”.
Este manifesto, presentado ante o Parlamento galego da man de representantes FEGADACE e Down Galicia, en nome do CERMI Galicia, nunha audiencia á que acudiron tanto o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, como representantes dos diferentes grupos parlamentarios, reivindícase o dereito da infancia con discapacidade a unha imaxe social positiva e respectuosa, o dereito ao lecer inclusivo, e defendeu unha abordaxe das situacións de discriminación contra a infancia con discapacidade desde unha perspectiva interseccional, ademais de recalcar que “é preciso combater por todos os medios a soidade forzosa nos nenos e as nenas con discapacidade”.
Finalmente, as entidades esixiron que “as nenas e os nenos con discapacidade, e as súas familias, figuren como dimensión específica en todas as políticas públicas de desenvolvemento rural inclusivo e de loita contra o despoboamento”, e pediron que “a próxima implantación en España da Garantía Infantil, como mecanismo específico dirixido ao benestar da infancia, asuma a dimensión inclusiva de atención intensificada ás nenas e nenos con discapacidade”.