A Federación Down Galicia presentou onte un recurso contencioso administrativo contra a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O motivo non é outro que a clara discriminación da normativa cara o alumnado que aposta pola educación inclusiva, xa que vulnera claramente os seus dereitos fundamentais.
Esta orde incorpora un réxime diferenciado e específico nas axudas dos libros de texto para, por un lado, o alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios; e, por outro, para o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
En primeiro lugar, a orde indica que “para o alumnado matriculado en EE, en centros específicos ou en unidades de EE de centros ordinarios (…) a contía das axudas será de 300€ con independencia da renda per cápita da unidade familiar”; é dicir, reciben a contía máis alta sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado nun centro de educación especial ou análogo. Mentres que a contía da axuda para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria dependerá da renda per cápita da unidade familiar, e non alcanza en ningún momento a cantidade máxima. O alumnado escolarizado en centros ordinarios está, polo tanto, menos apoiado que o matriculado en centros de educación especial ou similar.
En segundo lugar, aqueles alumnos ou alumnas cunha discapacidade igual ou superior ao 65% reciben a contía máis alta sen ter que cumprir ningún outro requisito. Pero a diferenciación por mor do grao de discapacidade é discriminatoria, xa que non existe motivo razoable nin proporcionado para entender que, en canto a unha prestación de carácter económico coa finalidade desta orde, un grao de discapacidade poida supoñer, a priori, máis ou menos axuda en libros de texto e material escolar entre alumnado con necesidades específicas de apoio educativo similares.
Igualmente, no apartado destinado ás axudas para material escolar, o alumnado matriculado na modalidade específica ou cunha discapacidade superior ao 65% recibe sen requisitos a contía máxima, mentres que a cantidade recibida polo alumnado matriculado na educación ordinaria dependerá da renda per cápita familiar.
Vulneración da normativa vixente
A Federación Down Galicia considera que a orde de axudas para libros de texto e material escolar da Xunta de Galicia vulnera varias normativas vixentes no noso país.
Por un lado, contravén o dereito á educación inclusiva incluído na Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificada por España no ano 2007 e polo Parlamento de Galicia ao ano seguinte, sendo, por tanto, de obrigado cumprimento.
Por outra banda, a normativa autonómica fomenta claramente o réxime da educación segregada, contradicindo os artigos 14 e 27 da Constitución Española e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo existente na materia.
A diferencia de trato entre o alumnado que escolle a educación inclusiva e o que prefire a específica non ten razón de ser, xa que non está xustificada. Estase, por tanto, discriminando sen motivo o dereito do propio alumnado a recibir os axustes razoables necesarios e condicionando o acceso a un dereito fundamental como é a educación inclusiva.
A propia orde de axudas nomea na súa introdución a Lei orgánica 2/2006 do 3 de maio que recolle no seu artigo 83 o establecemento de bolsas e axudas ao estudo para garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación. Sen embargo, dáse o paradoxo de que a aplicación real da normativa da Consellería vulnera esa mesma formulación, excluíndo a parte do alumnado e negándolle a igualdade de oportunidades e condicións.
En consecuencia, o tratamento desigual que reciben na convocatoria as situacións do alumnado por mor do grao de discapacidade e polo tipo de escolarización non é respectuoso co contido do dereito á educación inclusiva, de calidade, gratuíta e en igualdade de condicións, establecido na normativa vixente.
Case 10 anos reivindicando a modificación da Orde
A reivindicación do Movemento Down en Galicia, iniciada no ano 2014, céntrase simplemente na necesidade de que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo sexa tratado en igualdade de condicións, independentemente do seu grao de discapacidade ou do tipo de escolarización. É dicir, que a orde contemple os mesmos requisitos para o alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33% independentemente do centro educativo que escolla para ser educado: ordinario ou específico.
A presentación deste recurso contencioso administrativo non foi unha decisión doada de tomar. Down Galicia chega a esta medida tras nove anos de escritos, solicitudes de reunión, recursos de reposición, envío de argumentacións para o cambio da normativa e promesas de modificación dunha orde que nunca chegaron.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, explica que “tras case dez anos procurando que a Consellería de Educación rectifique unha orde que é claramente discriminatoria para o alumnado escolarizado na educación ordinaria, contravindo calquera principio de inclusión educativa e vendo que seguen na mesma liña; e incumprindo a súa promesa de traballar en conxunto antes da súa publicación, optamos por acudir á vía xudicial para que a xustiza se pronuncie sobre este tema”. Prieto incide en que a orde “é discriminatoria e, loxicamente, vulnera principios fundamentais das persoas con necesidades específicas de apoio educativo que apostan pola verdadeira educación inclusiva”.
É por iso que a entidade decide recorrer a esta medida, intentando que as ordes dos próximos anos sexan xustas e igualitarias para con todo o alumnado con discapacidade.
Así mesmo, desde a Federación contemplouse a posibilidade de solicitar medidas cautelares, pero a idea foi desbotada para non prexudicar a tódalas familias solicitantes destas axudas ante a posibilidade de quedar estas en suspensión.
Para a defensa deste recurso, Down Galicia decidiu contar con Juan Rodríguez Zapatero, experto en dereito administrativo e en cuestións xurídicas sobre discapacidade, especialmente, sobre educación inclusiva.