Dende o pasado mes de outubro Down Lugo está levando a cabo distintos obradoiros de conversa sobre vida independente na Facultade de Enfermería da USC – Campus de Lugo, dentro do Proxecto Campus Oportunidades para a Inclusión de Down España.
Este proxecto trata de indagar e ofrecer respostas de calidade en materia de formación de adultos para persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en contornas inclusivas, como é a Universidade. Neste caso a Universidade constitúese como o lugar idóneo no que establecer relacións interpersoais con persoas sen discapacidade, de aprendizaxe compartida e de benestar persoal.
De forma semanal 6 rapaces e rapazas da Asociación desprázanse ata a aula de Enfermería na que xunto a 8 estudantes universitarios do Grado de Enfermería e do Grado de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, conversan e traballan sobre diversos aspectos dunha das inquietudes que teñen en común: a vida independente.
Ata o momento puxeron en común ideas, opinións, preocupacións, sentimentos e decisións sobre o dereito á vida independente, saúde, fogar, emprego, relacións persoais …
Esta experiencia está ofrecendo ás persoas participantes unha gran riqueza de relacións con oportunidades para crear lazos entre elas máis alá dos obradoiros (xa organizaron unha comida conxunta), ademais de demostrar que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden e deben conquistar novos espazos de inclusión.
Para a organización destes obradoiros, que se desenvolverán ata o mes de febreiro, contamos coa colaboración do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria do Campus de Lugo.