Taller de Prensa na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

Dende o mes de marzo Down Lugo está levando a cabo un Taller de Prensa na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

O seu obxectivo é desenvolver habilidades de expresión oral e de escoita, traballar a lectoescritura e compartir información e opinións a través do coñecemento sobre o mundo e sobre a sociedade. Pretende dar resposta ás necesidades formativas, relacionais e de participación social das persoas adultas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en escenarios inclusivos, como é a Universidade.

O taller non é exclusivo para persoas con discapacidade, está aberto a calquera estudante universitario que queira participar nel. Actualmente participan xa 2 estudantes de Maxisterio.

En sesións semanais de hora e media de duración, dous grupos de persoas con síndrome de Down desprázanse á Facultade e traballan sobre novas de actualidade, debaten e elaboran novas de opinión sobre esa información. Ao finalizar plasmarán todas esas novas nun periódico que crearán eles/as mesmos/as.

Ademais contémplanse actividades complementarias que lles permitirán coñecer máis de cerca o traballo periodístico como entrevista e charla cunha periodista dun periódico da cidade ou visitas ás instalacións de periódicos locais e/ou radio.

Este taller, que se desenvolverá ata o mes de maio na Facultade, forma parte do Proxecto Campus Oportunidades para a Inclusión de Down España, e para a súa organización estamos contando co apoio do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria do Campus de Lugo.