982 240 921

Home Destacados Obradoiros Conversacionais sobre Vida Independente na Facultade de Enfermería

Obradoiros Conversacionais sobre Vida Independente na Facultade de Enfermería

Dende xaneiro, Down Lugo está desenvolvendo unha enriquecedora iniciativa na Facultade de Enfermería da USC – Campus de Lugo. Trátase duns obradoiros conversacionais sobre vida independente.

Este proxecto nace como resultado de experiencias anteriores coa Universidade e se consolida grazas á colaboración entre os grados de Enfermería e Xestión Cultural do Campus de Lugo, o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria e a nosa Asociación. O obxectivo é fomentar a autonomía das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a través do diálogo e a interacción cos estudantes universitarios.

Cada semana, cinco rapaces e rapazas de Down Lugo acoden á Facultade de Enfermería para compartir experiencias e reflexionar xunto a oito estudantes universitarios/as sobre un tema que lles une: a vida independente. A través destas conversas, xéranse espazos de aprendizaxe mutua, intercambio de ideas e crecemento persoal.

Ademais, a principios de febreiro, as/os universitarias/os participantes visitaron a nosa Asociación para coñecer de primeira man as nosas instalacións e as actividades que realizamos.

Esta experiencia non só está favorecendo a inclusión, senón que tamén está propiciando novas relacións e oportunidades para seguir avanzando xuntos cara unha sociedade máis aberta e diversa.

Os obradoiros continuarán ata finais de marzo, demostrando que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden e deben formar parte activa de distintos espazos dentro da comunidade.