Marcos, participante do programa de Emprego con Apoio de Down Lugo, conseguiu neste mes de xuño un contrato indefinido como persoal base en MediaMarkt, un importante paso na súa traxectoria laboral.
Esta incorporación foi posible grazas ao acompañamento realizado dende o programa de Emprego con Apoio de Down Lugo, así como ao convenio de colaboración que manteñen Down España e MediaMarkt, unha alianza que promove a xeración de oportunidades laborais para persoas con síndrome de Down en contornas laborais inclusivas.
Marcos conta co apoio e seguimento do preparador laboral da entidade, que lle acompañou no desenvolvemento de competencias profesionais e persoais necesarias para desempeñar o seu traballo con autonomía e seguridade.
A firma deste contrato indefinido supón un recoñecemento ao esforzo, compromiso e evolución profesional de Marcos, que xa participara previamente en varias experiencias formativas e prácticas en empresas. A súa contratación é tamén unha mostra dos resultados que se alcanzan cando as persoas contan con apoios axeitados e as empresas apostan pola diversidade e a inclusión nos seus equipos.
Dende Down Lugo queremos felicitar a Marcos por este importante logro e agradecer a MediaMarkt o seu compromiso coa inclusión laboral. Incorporacións como esta demostran que a colaboración entre entidades sociais e empresas é fundamental para construír unha sociedade máis inclusiva, onde todas as persoas teñan a oportunidade de desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións.







