982 240 921

Home Destacados Construíndo inclusión: voluntariado para transformar miradas

Construíndo inclusión: voluntariado para transformar miradas

Promover unha sociedade máis inclusiva tamén significa ofrecer ás persoas con síndrome de Down oportunidades reais para participar, contribuír e facer oír a súa voz. Con este propósito desenvolvemos dende xaneiro ata setembro deste ano o proxecto “Construíndo inclusión: Acción Voluntaria para transformar miradas”, unha iniciativa centrada na promoción do voluntariado inclusivo e na participación activa das persoas con síndrome de Down.

O proxecto, subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, naceu co obxectivo de poñer en valor o voluntariado como unha ferramenta de participación social e transformación, ao tempo que se favorece unha visión máis inclusiva das persoas con síndrome de Down, afastada de estereotipos e baseada nas súas capacidades, dereitos e posibilidades de participación.

Un dos aspectos máis significativos desta iniciativa foi o protagonismo das 6 persoas con síndrome de Down participantes, que asumiron un papel activo como voluntarias e axentes de sensibilización. A súa implicación permitiulles compartir experiencias e achegar á sociedade unha perspectiva en primeira persoa sobre a participación, a solidariedade e o voluntariado. O proxecto permitiulles fortalecer a súa autonomía e a súa confianza.

As accións desenvolvidas permitiron achegar esta mensaxe a diferentes colectivos e xerar espazos de encontro e reflexión arredor da inclusión, a igualdade de oportunidades e a participación cidadá. O contacto directo entre as persoas voluntarias e os diferentes grupos participantes favoreceu unha visión máis próxima da realidade das persoas con síndrome de Down e do importante papel que poden desempeñar como voluntarias dentro da comunidade.

Construír inclusión implica transformar miradas, pero tamén transformar oportunidades: pasar de falar sobre as persoas con discapacidade a crear espazos nos que poidan falar, participar e contribuír en primeira persoa.

Desde Down Lugo continuaremos apostando por un voluntariado aberto, inclusivo e participativo, no que todas as persoas teñan a oportunidade de formar parte activa da comunidade.