
O pasado mércores 23 de xullo, un grupo de 19 rapaces e rapazas acompañados por 3 profesionais da Asociación desfrutamos dunha xornada inesquecible na Senda Mitolóxica do Monte Viso, en Santiago de Compostela.
Ás 10 da mañá, partimos dende a Asociación en autobús rumbo a Monte Viso, con moitas ganas de descubrir esta ruta tan especial. A senda, de tipo circular, levounos a través dunha paisaxe natural chea de maxia, onde nos fomos encontrando con distintos seres da mitoloxía galega.
Durante o percorrido, que durou aproximadamente dúas horas e media, cruzámonos con figuras como unha moura e un mouro, saudamos a Breogán e ao Nubeiro no alto duns impresionantes miradoiros, e sorprendéronnos personaxes como o Gatipedro, a Meiga, entre outros moitos. Cada paso foi unha oportunidade para aprender e desfrutar da natureza.
Tras finalizar a ruta, dirixímonos a unha zona de merenda próxima onde recuperamos forzas cunha comida ao aire libre, compartindo risas e bos momentos.
Pola tarde, aproveitamos a proximidade para visitar a Cidade da Cultura, onde tomamos un café para repoñer enerxías e visitamos unha interesante exposición dedicada a Castelao. Finalmente, regresamos a Lugo arredor das 20 horas, tras un día completo, diferente e moi enriquecedor.
A escapada foi todo un éxito: unha combinación perfecta de natureza, cultura, mitoloxía galega e convivencia. Esperamos repetir pronto unha experiencia tan especial!
Esta actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia dentro da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades para o ano 2024.










