982 240 921

Home Destacados 30 anos camiñando xuntos: Down Lugo celebra o Día Mundial da Síndrome...

30 anos camiñando xuntos: Down Lugo celebra o Día Mundial da Síndrome de Down poñendo no centro ás persoas

O Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo encheuse de emoción, ilusión e celebración nunha xornada moi especial organizada pola Federación Down Galicia e Down Lugo. Este espazo foi o escenario escollido para conmemorar o acto central do Día Mundial da Síndrome de Down en Galicia e, de maneira moi significativa, o 30º aniversario da nosa entidade: tres décadas de loita, de avances e, sobre todo, de vidas compartidas.

Foi moito máis que un acto. Foi un reencontro, unha homenaxe e unha celebración de todo o construído xuntos. Familias, entidades da Federación, organizacións do ámbito social de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela, empresas colaboradoras, antigos traballadores, persoas voluntarias, centros educativos, amigos e amigas de Down Lugo… quixeron acompañarnos nunha noite inesquecible. Dende Down Lugo queremos expresar o noso agradecemento máis sincero a todas e cada unha das persoas que nos acompañastes: vosa presenza fixo que este aniversario fose aínda máis especial.

A gala, baixo o título “21/3 Rodando a Vida”, tivo un claro protagonista: as persoas usuarias de Down Lugo. Elas foron a alma do evento, demostrando coa súa voz, o seu talento e a súa autenticidade que non só teñen moito que dicir, senón que teñen dereito a decidir sobre as súas propias vidas.

Doce persoas, usuarias de Down Lugo e membros da sociedade lucense, deron lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal. As súas palabras emocionaron a todo o auditorio, recordándonos algo esencial: que todas as persoas, con ou sen síndrome de Down, queren e deben poder elixir o seu propio camiño.

Fátima, Carla, Alba, Saúl, Marcos, Área, Nazaret, Maruxa, Eduardo, Uxía e Iria alzaron a voz con valentía expresando que un cromosoma extra non pode ser a escusa para privar de dereitos. Manifestando que queren participar, sentirse parte da comunidade, ser tratadas como persoas adultas e aspirar a moito máis en todos os ámbitos da súa vida. Pero tamén deixaron unha mensaxe profunda e necesaria: “Queremos tomar as nosas propias decisións, equivocarnos, aprender e ser persoas autónoma e independentes”.

A gala combinou momentos institucionais con actuacións cheas de sensibilidade e enerxía. A Compañía de Teatro Down Lugo, xunto co alumnado da Escola Palimoco Teatro Danza, conduciu un evento que converteu o auditorio nun cine cheo de historia, emoción e acenos ao pasado, recordando o Lugo de 1996, ano no que naceu a entidade.

A música tamén tivo un papel destacado, con actuacións que emocionaron ao público, como as de Abraham Cupeiro e MJ Pérez, que aportaron aínda máis maxia a unha noite xa de por si inesquecible.

Durante o acto tamén se fixo entrega dos Premios Down Galicia, recoñecendo o compromiso coa inclusión e a autonomía das persoas coa síndrome de Down. A Universidade de Santiago de Compostela foi distinguida pola súa implicación en programas formativos inclusivos, e Alexandro Méndez Lázare, do restaurante Os Cachivaches, pola súa colaboración xenerosa e constante coa nosa entidade.

Ao longo da gala, recordouse o camiño percorrido: dende aqueles primeiros pasos impulsados polas familias valentes ata a realidade actual de Down Lugo, un espazo onde cada persoa pode crecer, decidir e ser escoitada. Trinta anos despois, o sentimento é claro: orgullo polo conseguido e compromiso firme con todo o que aínda queda por avanzar.

Porque se algo quedou claro nesta celebración é que a inclusión non é un favor, é un dereito. E que o futuro constrúese escoitando, respectando e camiñando xuntos.

Grazas por formar parte destes 30 anos. E, sobre todo, grazas por seguir camiñando ao noso lado.