A evolución da nosa sociedade pon de manifesto a necesidade dunha educación inclusiva na que todos e cada un dos alumnos e alumnas teñan dereito a unha educación de calidade. Para iso, sen dúbida é imprescindible o uso das TIC (tecnoloxías da información e comunicación) na aula, que proporcionan un modelo de ensino que permite a individualización e a personalización, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de múltiples medios de representación, de acción, expresión e implicación.
É por iso que Down España elaborou a «Guía Estratexias e Ferramentas dixitais para a Educación Inclusiva» como instrumento práctico, onde o profesorado, as familias, os alumnos e alumnas e as institucións atoparán información moi práctica sobre instrumentos dixitais que poden axudarlles a promover o DUA (Deseño universal de aprendizaxe) e eliminar barreiras que impiden o progreso e a participación de todo o alumnado.
Na Guía móstrase o índice para o progreso e a participación de todo o alumnado (IPPDUA), conxunto de materiais deseñados para apoiar aos e as docentes que apostan pola creación de aulas DUA. O IPPDUA constitúe un proceso de autoavaliación do profesorado en relación aos tres principios do Deseño Universal de aprendizaxe: múltiples formas de representación, múltiples formas de acción e expresión e múltiples formas de implicación. O IPPDUA pretende ser un compañeiro de viaxe para o deseño de propostas didácticas que garantan a presenza, o progreso e a participación de todo o alumnado nas aulas, pois non hai que esquecer que en moitas ocasións atópanse con barreiras que lles impide estar presentes. É importante tomar conciencia destas para poder modificar as prácticas na aula e eliminalas.
Na Guía «Estratexias e Ferramentas dixitais para a Educación Inclusiva», os e as docentes tamén atoparán unha proposta de ferramentas dixitais prácticas que responden os tres principios do DUA coa finalidade de poder ofrecer ao alumnado múltiples medios de entrada da información, múltiples formas de expresión e múltiples formas de compromiso coa aprendizaxe.
O DUA sinala a necesidade de que os docentes ofrezan ao alumnado un amplo rango de opcións para acceder dunha mellor forma á aprendizaxe. Ofrecer distintas alternativas non só beneficia ao estudante con algunha dificultade, senón que tamén permitirá que cada alumno e alumna escolla aquela opción coa que vai aprender mellor, sendo as TIC un instrumento idóneo para facelo realidade.
Para acceder á Guía Estratexias e Ferramentas dixitais para a Educación Inclusiva, fai click aquí.