A Federación Down Galicia vén de publicar unha nova reedición da súa “Guía de Orientación Académica e Profesional para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual”, un completo documento no que aquelas persoas que o desexen poderán atopar información moi útil sobre as diferentes opcións existentes en Galicia en relación a estes dous eidos.
Esta guía foi creada co obxectivo de facilitar ás persoas pertencentes a este colectivo a busca dos mellores camiños e alternativas formativas e profesionais posibles, podendo tomar a continuación unha decisión de forma libre, reflexionada e responsable.
Neste sentido, o seu contido está encamiñado tanto a simplificar a elección dos itinerarios académicos, se o desexo é continuar no sistema educativo, como a facilitar a inserción laboral e profesional dos mozos e mozas que dan por terminada a súa formación.
A información preséntase dunha forma clara e sinxela e está dividida ao redor de dous grandes bloques: as opcións de formación e as alternativas e modalidades de emprego que as persoas con discapacidade teñen á súa disposición. Deste xeito, esta guía contén referencias sobre as formas de acceso, as saídas profesionais, a duración ou as modalidades das diferentes opcións formativas e profesionais, así como unha serie de interesantes recursos especificamente dirixidos ao colectivo.
A importancia da orientación académica e profesional
Entre as dificultades máis relevantes coas que a miúdo se atopan familias e persoas con discapacidade intelectual á hora de elixir entre as diferentes alternativas formativas e profesionais, está a de non dispoñer dunha serie de criterios que lles axuden na toma de decisións e na configuración dun itinerario formativo e/ou laboral a seguir. De aí a importancia da orientación académica e profesional como unha das principais ferramentas facilitadoras de inserción socio-laboral e do traballo conxunto entre persoas con discapacidade, familias e servizos de orientación.
A idea principal da que debemos partir é que as persoas con discapacidade intelectual teñen as mesmas necesidades de orientación que calquera outro cidadán ou cidadá, simplemente que adaptada ás súas necesidades.
É por iso que esta guía foi elaborada, por un lado, como un recurso que axude tanto ás persoas pertencentes a este colectivo como ás súas familias a decidir sobre o seu futuro académico-profesional e, por outro, como un material de referencia no desempeño das tarefas de todos aqueles profesionais que traballan neste eido da información, orientación e asesoramento.
Accede á guía pinchando nesta ligazón.