Down Galicia participa nun proxecto europeo para a mellora da inclusión educativa

Cinco profesionais do Movemento Down en Galicia viaxaron a pasada semana a Lucca (Italia) para participar na presentación oficial e na primeira reunión presencial do proxecto europeo Arise, unha iniciativa Erasmus+ para fortalecer a inclusión social do alumnado con discapacidade e mellorar as competencias dentro das comunidades educativas en Europa.

Ademais da Federación Down Galicia, participan neste proxecto bianual, cofinanciado pola Comisión Europea, a Fondazione per la Coesione Sociale (Italia), a Associação Grão Vasco (Portugal) e a consultora Limeup (Italia).

No centro do proxecto Arise atópase unha importante iniciativa internacional que promove activamente o intercambio e a interacción entre profesionais que traballan no eido da educación. Este intercambio non só brinda a oportunidade de explorar e aprender de diversas perspectivas e metodoloxías educativas dos distintos países que participan no proxecto, senón que tamén permite compartir desafíos, solucións innovadoras e boas prácticas desenvolvidas por cada un dos socios implicados no seu desenvolvemento.

A través desta sinerxia internacional, búscase crear unha rede de coñecementos e habilidades, brindando un espazo para o diálogo e a aprendizaxe mutua. Este intercambio esténdese máis aló do eido educativo, fomentando a colaboración e as conexións entre distintas realidades educativas europeas, sentando as bases para unha maior inclusión social e unhas políticas educativas máis sensibles ás necesidades específicas dos estudantes con discapacidade.

“Este proxecto representa un importante paso adiante para garantir o acceso equitativo a una educación de calidade para o alumnado con discapacidade”, afirma Lucia Corrieri Puliti, presidenta da Federazione per la Coesione Sociale, entidade coordinadora da iniciativa. “Estamos entusiasmados de colaborar con socios que achegan unha ampla e valiosa experiencia, proporcionando unha forza vital para o éxito deste proxecto. Xuntos, estamos a traballar para promover un impacto duradeiro na inclusión social en Europa”, engadiu Corrieri.

O proxecto Arise forma parte do programa Erasmus+ e ofrece unha oportunidade única de crecemento persoal e profesional, contribuíndo ao progreso educativo en Europa.

 

A realidade educativa de Italia e Portugal

Tanto Italia como Portugal contan desde hai moitos anos cunha realidade educativa moi distinta á que presenta España actualmente, cun sistema realmente inclusivo no que os centros de educación especial (CEE) non teñen cabida.

No caso de Italia, a medida de pechar os centros educativos específicos e reconvertelos a centros de recursos remóntase ao ano 1977, mentres que en Portugal fixeron o propio no ano 1998.

Os seus centros de ensino contan con profesorado preparado para dar apoio a todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que abarcan desde nenos e nenas con algunha dificultade de aprendizaxe a outros con pluridiscapacidade, como pode ser unha parálise cerebral.

Exemplos como os destes países reforzan o concepto de escola inclusiva que o Movemento Down en Galicia defende dende os seus inicios. Unha escola para todos e todas, na que as necesidades de todo o alumnado sexan atendidas e ningunha persoa sexa excluída por ningunha causa, garantindo, sen condicións, a presenza, a participación e a aprendizaxe de todo o alumnado.

Porque a inclusión educativa é posible se desde a administración se aposta decididamente por ela, dotando aos centros dos recursos necesarios para levala a cabo e eliminando a segregación existente.