Down Lugo continúa prestando os seus servizos a distancia a persoas usuarias e familias

Ante a declaración do estado de alarma e as recomendacións e medidas tomadas polo Goberno en relación á emerxencia sanitaria do COVID-19, a Asociación Down Lugo suspendeu o pasado 16 de marzo as súas actividades e servizos presenciais prestados ás persoas usuarias. 

Pero aínda que, a partir desa data, as portas da entidade permanecen pechadas, o equipo profesional de Down Lugo continúa traballando a distancia para ofrecer ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias, apoio e diferentes recursos para dar resposta as súas necesidades. 

Dende un primeiro momento, a través do Servizo de Apoio a Familias, se realiza un seguimento semanal con todas as familias socias proporcionándolles informacións de interese, orientación e apoio psicolóxico, servizo ao que calquera persoa usuaria ou familiar pode dirixirse en calquera momento en caso de precisalo. 

Así mesmo, as e os profesionais das distintas áreas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal ofrecen sesións virtuais e actividades a distancia a través de distintas aplicacións para que as persoas usuarias poidan continuar, dentro do posible, co ritmo habitual das sesións. Así mesmo, tamén están enviando material de apoio para traballar de forma individual dende casa e realizando vídeo-retos para fomentar a actividade mental e física de forma lúdica. 

Estas actividades e sesións virtuais foron moi ben recibidas entre os rapaces e rapazas da Asociación, ás que están respondendo con motivación e con moitas ganas de continuar traballando. 

Dende aquí mandar todo o noso apoio e ánimo a todas as familias que forman Down Lugo convencidos de que esta situación, da que xa queda menos, nos vai facer máis fortes en moitos aspectos.