SERGIO VILLAMARÍN, USUARIO DE DOWN LUGO
1. Que é o que máis che gustaba da escola?
Os compañeiros e compañeiras e á hora de tomar o bocadillo.
2. E o que menos?
O inglés
3. Facías as mesmas tarefas que o resto dos teus compañeiros e compañeiras?
Algunhas si e outras non
4. Os teus compañeiros e compañeiras axudábanche cando tiñas algunha dúbida?
Si, moito.
5. Que tal o pasabas no recreo? A que xogabas?
Ben, a fútbol e a baloncesto.
MILA MELIO, NAI DE SERGIO
1. Cando e como chegastes a formar parte do movemento Down?
Dende o nacemento de Sergio, e xunto con outras familias con fillos e fillas coa síndrome de Down, iníciase o xermolo que máis tarde sería a Asociación síndrome de Down de Lugo.
2. Como foi o proceso de escolarización de Sergio?
Sergio iniciou a súa escolarización na etapa de infantil nunha escola de infantil, con só tres unidades, onde xa estivera escolarizado seu irmán, e onde toda a comunidade educativa se coñecía. Levouse a cabo con toda naturalidade e coa predisposición e a intención por parte das mestras de que Sergio fose un máis.
3. Por que decidistes escolarizalo nun centro educativo ordinario?
Porque criamos que para ser membro activo dunha sociedade era necesario acudir a un centro onde acudisen nenos e nenas que reflectisen a diversidade da mesma e puidese relacionarse con todos e todas, proporcionándolle así experiencias ricas e variadas.
4. Cal foi o papel de Down Lugo neste camiño?
Foi de acompañamento. Por unha banda, era quen canalizaba a intención e o desexo das familias de que os seus fillos se escolarizaran nunha escola ordinaria, e nos daba forzas para reafirmarnos na nosa decisión. Por outra banda, colaboraba e ás veces suplía as carencias que tiña a escola cubrindo necesidades de apoio, tanto a nivel académico como social.
5. Visto con perspectiva, que foi o mellor de optar pola educación inclusiva?
Dende logo o mellor foi que Sergio forma parte da sociedade na que vive e aproveita todos os recursos ordinarios que esta lle ofrece. A escola inclusiva permitiulle ser un máis e vivir experiencias moi variadas nun entorno diverso, claves para conformar a súa personalidade.
6. E o peor?
Que as veces se descoidou un pouco a parte académica.
7. Se tiverades que tomar hoxe de novo a decisión, volveriades a optar pola educación ordinaria?
Sen dúbida. Sería inxusto para el non darlle as oportunidades que teñen os demais.
8. Por que cres que é importante a inclusión no eido educativo para as persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual?
A escola ten unha función socializadora, ademais de transmisora de coñecementos, que é fundamental en todos os nenos e no caso dos nenos e nenas coa síndrome de Down aínda máis. A escola proporciónalle modelos, pautas de comportamento, normas, valores. Tamén lle da a oportunidade de interaccionar con distintos nenos e nenas e vivir situacións que son un “adestramento” para a vida adulta.
9. Consideras que os profesionais da educación teñen un coñecemento real sobre as necesidades das persoas con discapacidade nos centros?
En xeral non, pero na maioría dos casos teñen boa actitude e ganas de aprender.
10. Consideras suficientes os medios que a administración pública destina á inclusión nas aulas das persoas con discapacidade?
Non, faltan medios humanos e tamén materiais.
11. Que lle dirías a un pai ou unha nai que teña medo de escolarizar ao seu fillo ou filla nun centro ordinario?
Ao principio xorden moitas dúbidas e medos; o medo que ten calquera pai ou nai que leva ao seu fillo ou filla á escola por primeira vez, pero incrementado. Medo a que chore, a que lle peguen, a que non o entendan, a que estea só, a que non teña amigos e amigas,… Pero eses medos van desaparecendo cando vemos que os compañeiros e compañeiras dos nosos fillos e fillas teñen a mesma idade, e que están aprendendo a relacionarase ao igual que eles, polo tanto están en igualdade de condicións. Máis tarde aparecerán outros medos, que no fondo é sempre o mesmo: que o noso fillo ou filla non sexa feliz. Pero merece a pena enfrontarse a todos eles, porque ver que os nosos fillos son donos da súa vida é máis que suficiente.
12. Down Galicia cumpre 20 anos… Cales consideras que son os puntos fortes da Federación?
A Federación xoga un papel fundamental en dous aspectos: por unha parte, permite coordinar e por en marcha en toda Galicia programas comúns de apoio ás persoas coa síndrome de Down e tamén con outras discapacidades a través dun modelo inclusivo. Por outra parte, proxecta unha imaxe positiva das persoas con síndrome de Down, centrada na persoa e nas súas capacidades.
13. Cales consideras que son as principais melloras nestes últimos vinte anos no eido da discapacidade intelectual?
A visibilidade, en todos os eidos: no educativo, acudindo a escola ordinaria, no laboral, incorporándose ao mundo laboral, no lecer,…
14. E cales cres que son as cuestións que seguen sen solucionarse?
Falta que se xeneralice a incorporación ao mundo laboral. Faltan programas educativos que continúen ou complementen a ESO, adaptando competencias, que sirvan de ponte entre a educación obrigatoria e a vida laboral. Falta o acceso á vida independente, e normalizar as relacións de parella abordando a parte afectiva, sexual… Falta pensar na vellez e buscar alternativas.
15. Como che gustaría que fose a sociedade dentro de vinte anos en relación á síndrome de Down e a discapacidade intelectual?
Gustaríame que a síndrome de Down non lle supuxera un sufrimento a ninguén, que aqueles nenos e nenas con esta síndrome que naceran fose porque seus pais decidiran que fose así. E que a síndrome de Down fose unha característica máis da súa persoa que non condicionase a súa vida, igual que ser moreno, ou baixo, ou ter os ollos azuis.
Pero o que penso que vai pasar é que dentro de vinte anos meu fillo terá corenta e tantos, e a poboación coa síndrome de Down será maioritariamente ancián. E gustaríame ter a tranquilidade de ver a Sergio acompañado, e gozando de todo o que poida, e ver que as súas necesidades son atendidas.