Magníficos resultados dos mozos e mozas de entidades Down nas probas de Competencias Clave

Un ano máis, as persoas usuarias de entidades Down de Galicia que realizaron as probas de nivel 2 e nivel 3 de Competencias Clave obtiveron uns excelentes resultados, xa que dos 27 exames aos que se presentaron o pasado 20 de maio en Silleda, foron superados 24 deles, o que supón un 89% de aprobados.

No caso das Competencias Clave de nivel 2 houbo un 100% de aprobados, mentres que nas de nivel 3 superáronse o 67% dos exames. Estes magníficos resultados evidencian a boa preparación e o gran esforzo das 10 persoas participantes, pertencentes ás entidades Down de Ferrol e Lugo.

Como xa sucedeu en anteriores convocatorias, as persoas participantes coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual examináronse en igualdade de condicións que o resto das máis de 2.100 persoas que estaban convocadas nesta ocasión. Para que fose posible, foron solicitadas as adaptacións dos exames a lectura fácil para facilitar a súa comprensión, a ampliación da letra e do tempo para cada unha das probas e a presencia de persoal de apoio para solucionar as posibles dúbidas existentes durante toda a xornada.

Neste sentido, as entidades Down en Galicia destacan a importancia de concorrer a este tipo de probas a través do sistema ordinario. Asegúrase, deste xeito, a inclusión social atendendo á diversidade de cada individuo e garántese que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de acceso e participación tendo en conta as súas necesidades.

 As probas de Competencias Clave

As probas de Competencias Clave están pensadas para que as persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO ou Bacharelato) poidan demostrar as súas capacidades e coñecementos co obxectivo de acceder á formación para o emprego. Así, estas probas convértense en unha das vías de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 e 3, xa que as persoas que as superan están acreditando uns requisitos formativos que asegurarán que posúen os coñecementos necesarios para acceder aos diferentes cursos.

Hai 4 competencias clave (lingua galega, española, estranxeira, e matemáticas) e para cada unha hai dous niveis. O nivel 2 correspóndese co título de Graduado en Educación Secundaria ou equivalente, e o nivel 3 correspóndese con Bacharelato ou equivalente.