Down Lugo non pode empezar mellor o ano que reivindicando a autonomía das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Faino a través do Programa de Vida Independente, no que actualmente participan 31 membros da Asociación.
A vida independente é un dereito fundamental para todas as persoas e por iso se lles debe preparar para gozar dela. Dende este programa dáselles a oportunidade, ás persoas participantes, de vivir unha experiencia de emancipación temporal ofrecéndolles formación, orientación e apoio, fomentando as súas habilidades e capacidades para que leven unha vida independente, autónoma e autoxestionada.
Todas as persoas que acoden ao Programa, contan cunha hora semanal dedicada a preparar aspectos relacionados coa vida independente (alimentación saudable, hábitos de hixiene, control de gastos, rutinas horarias, etc.). Ao longo do ano desfrutan de tres estancias no piso da Asociación. Dependendo do nivel de autonomía, de si se encontran escolarizados ou a idade, existen tres modalidades diferentes:
- Fin de semana, de venres pola tarde a domingo pola tarde.
- Tres días por semana, de mércores a mediodía a venres pola tarde.
- Semana completa, de luns a venres.
Durante estas estancias, as persoas participantes son as encargadas de realizar as tarefas domésticas, planificar o menú semanal, xestionar o seu tempo, empregar os recursos comunitarios (bus urbano, supermercado, cafetería, biblioteca, etc.) á vez que se lle dá especial importancia á convivencia e a establecer relacións sociais. Dependendo do grupo, a cantidade de apoios prestados polos profesionais varía en función das súas necesidades.
A semana que vén comeza o primeiro período de estancias de 2020, que se alargará ata abril. De abril a xuño terá lugar o segundo e o terceiro, e último, ao volver das vacacións de verán.
Ano tras ano vanse conseguindo pequenos pero grandes avances, que van posibilitando o acercamento a esa vida independente. Porque a autonomía é un piar fundamental na calidade de vida de todas as persoas.