O programa de coordinación con centros educativos de Down Lugo para a inclusión nas aulas cumpre á maioría de idade

En activo dende febreiro de 2002, o Programa de Coordinación con Centros de Down Lugo ten como fin promover e facilitar a inclusión escolar do alumnado coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais na escola ordinaria, potenciando ao máximo o seu desenvolvemento cognitivo, social e persoal.

Dende os seus inicios, Down Lugo levou a cabo coordinación con máis de 35 centros educativos da provincia de Lugo, mantendo actualmente coordinación con 8 centros nos que están escolarizados 9 alumnos/as da nosa Asociación.

A entidade conta, desde 2010, cun Convenio de Colaboración suscrito entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Down Galicia co obxectivo de favorecer a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual, de acordo aos principios de inclusión e normalización.

Como se desenvolve a coordinación con cada centro educativo?

A través de reunións periódicas cos equipos docentes dos distintos centros educativos mantense  unha coordinación sistemática na que se realiza o seguimento do alumno ou alumna ao tempo que se potencia a colaboración entre a familia, centro educativo e a entidade. Por norma xeral, realízase unha reunión de coordinación por trimestre.

Ademais, co obxectivo de incrementar a inclusión, as/os profesionais encargados do programa realizan tarefas de orientación e información sobre estratexias educativas, análises das metodoloxías empregadas co alumnado coa síndrome de Down, asesoramento na elaboración de materiais educativos adaptados e realizan accións de sensibilización participando en charlas e xornadas dirixidas a persoal docente, estudantes do ámbito social ou alumnado dos propios centros escolares.

Tras 18 anos de traballo neste eido, Down Lugo seguirá traballando polo dereito de todo o alumnado a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, que promova as súas oportunidades de desenvolvemento ao longo da vida.