Down Lugo conta na súa páxina web cunha sección denominada O Noso Espazo. É unha ventá na que os rapaces e rapazas da entidade comparten as súas experiencias, inquedanzas e opinións amosándose como son, o que pensan e todo o que son capaces de facer.
Un lugar onde se senten cómodos para expresarse sen reservas e mediante o que traballan a lectura, a escritura, a comprensión, así como as habilidades comunicativas e a relación entre os compañeiros e compañeiras da entidade.
Esta iniciativa bebe dun obradoiro creado fai tres anos co obxectivo de habilitar un espazo no que as persoas usuarias da asociación puideran comentar e analizar cuestións do seu interese, ao tempo que coñecen noticias da actualidade a través da prensa (en papel e online) e aprenden a manexala.
A través de distintos artigos escritos de forma periódica, as persoas participantes falan e opinan de diferentes temas, tales como experiencias persoais e laborais, temas de actualidade social e política, curiosidades, información da cidade e do país, etc.
Os redactores e redactoras de O Noso Espazo seguen sempre unha mesma metodoloxía para elaborar os seus artigos. En primeiro lugar, elixen o tema a traballar en función dos seus gustos ou intereses para, a continuación, levar a cabo unha procura e selección de información sobre o tema a traballar. A partir de aí comeza a redacción da nova, que en ocasións conta historias persoais, noutras combina información e opinión persoal e noutras constitúe un artigo informativo.
Ao longo destes anos xa son moitos os temas traballados: as súas primeiras experiencias laborais e formativas, as eleccións xerais, o Camiño Primitivo de Santiago de Compostela, viaxes a diferentes localidades de Galicia, temas de actualidade (bullying, cambio climático, hábitos saudables…), películas, música… e os que quedan!
Agora que xa coñecedes un pouco máis O Noso Espazo, animámosvos a ler as novas que iremos publicando!