O pasado 22 de abril foi o último día para visitar a exposición fotográfica “Tan coma ti”, unha mostra que estivo aberta ao público durante un mes no Museo Provincial de Lugo.
Down Lugo inaugurou esta exposición co motivo do Día Mundial da Síndrome de Down e dende entón recibiu unha boa acollida. “Tan coma ti” ofreceu unha mirada sobre a vida cotiá das persoas con síndrome de Down, co obxectivo de acercar á cidadanía a súa realidade actual dende unha perspectiva máis próxima e realista das súas vidas.
Durante este mes, a exposición recibiu numerosas visitas, incluídas visitas guiadas para grupos escolares, o que permitiu acercar esta realidade a nenos, nenas e mozos/as de forma que comprenderan a importancia da inclusión. Ademais quen se acercou ao museo tivo a oportunidade de deixar as súas impresións por escrito, xerando un espazo cheo de mensaxes sinceras e de recoñecemento.
Dende Down Lugo queremos agradecer o interese mostrado por todas as persoas que visitaron a exposición.
A exposición continuará o seu percorrido próximamente e poderá visitarse noutros lugares da provincia, acercando a súa mensaxe a novos públicos. Iremos anunciando datas e lugares!