As entidades do CERMI Galicia conmemoran o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

13,00 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, participará no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. No salón de actos do Cegadi (rúa Xosé Chao Rego s/n). foto xoán crespo 02/12/2021

O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) quixo conmemorar onte o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra hoxe en todo o mundo, cun acto institucional no que participou a Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón.

O evento, celebrado no CEGADI, acolleu a presentación dun vídeo conmemorativo que conta, a través de testemuños e experiencias de persoas con discapacidade, como lles gustaría ser tratadas, cunha mención especial á terminoloxía usada no artigo 49 da Constitución. Posteriormente deuse lectura ao manifesto que se elaborou para conmemorar este día por parte de dúas persoas con discapacidade.

Precisamente, este ano o manifesto, elaborado polo CERMI Estatal e ao que se adheriu o CERMI Galicia, reclama a todas as formacións políticas que apoien a reforma do artigo 49 do texto constitucional porque nin a terminoloxía empregada nin o contido “están aliñados coa visión plena de dereitos humanos, que é a única abordaxe admisible en relación coa discapacidade”.

Manifesto 3 de decembro de 2021: Pola culminación da primeira reforma social da Constitución Española

Manifesto 3 de decembro de 2021: Pola culminación da primeira reforma social da Constitución Española (Lectura Fácil)

Ao acto asistiron tamén o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández; e o secretario xeral da entidade, Carlos Fernández, acompañados de 45 persoas en representación das distintas discapacidades.

 

Baixo o mesmo paraugas

Por outra banda, varias das entidades Down de Galicia súmanse un ano máis á iniciativa #BaixoOMesmoParaugas,

Como cada ano, máis de 90 entidades sociais de toda Galicia únense para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade enchendo de cor o ceo galego con milleiros de paraugas.

Se queres unirte á cadea de bos desexos de futuro para o colectivo, só tes que seguir estes pasos:

  1. Fai unha foto abrindo un paraugas
  2. Súbea ás túas redes cunha mensaxe positiva e os hashtags #BaixoOMesmoParaugas e #ParaugasPolaDiscapacidade
  3. Etiqueta aos teus contactos e rétaos a facer o mesmo
  4. Etiqueta a @galiciadiversa para que se poida estender a cadea