A Comisión de Saúde Pública aprobou ampliar a administración da terceira dose da vacina a todas aquelas consideradas de risco pertencentes ao grupo 7, como persoas coa síndrome de Down maiores de 40 anos ou os pacientes en hemodiálise, ademais das persoas maiores en residencias. Esta terceira dose comezará a ser inoculada a partir do 1 de outubro.
O grupo 7 de vacinación está constituído actualmente na Estratexia Nacional de Vacinación por persoas con transplante de proxenitores hematopoéticos, transplante de órgano sólido ou en lista de espera para transplante (pulmonar, renal, pancreático, cardíaco, hepático ou intestinal), persoas con VIH, pacientes con tratamento substitutivo renal, persoas con enfermidade oncohematolóxica ou inmunodeficiencias primarias e persoas coa síndrome de Down maiores de 40 anos e persoas con fibrose quística.
Estes colectivos de persoas de risco sumaríanse aos e ás pacientes con inmunidade gravemente comprometida que xa foran autorizadas para recibir unha dose adicional da vacina na anterior reunión da Comisión de Saúde Pública, na que participan o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas.
Segundo detallou o Ministerio de Sanidade trala aprobación da medida na Comisión de Saúde Pública, aprobou ademais unha dose adicional para as persoas residentes en centros de maiores, «dado o seu perfil de fraxilidade, pluripatoloxía e contornas pechadas».