O xoves 11 de marzo, a Comisión de Saúde Pública anunciou, a través dunha nota de prensa, que as persoas coa síndrome de Down maiores de 40 anos serán incluídas como grupo de risco na Estratexia de Vacinación, polo que serán vacinadas xunto ao grupo de persoas de 70-79 anos.
Este acordo recolle a petición realizada desde as entidades Down en España, que fora tamén exposta por outras institucións, como o CERMI ou a OMC-Organización Médica Colegial.
As entidades Down de Galicia celebran e agradecen esta medida que aliviará a preocupación de miles de familias e que recoñece a evidencia científica descuberta na investigación internacional levada a cabo pola Sociedade Científica de investigación da síndrome de Down T21rs. Dita investigación alertou, en poucos meses e grazas á participación de preto de 1000 familias de todo o mundo, sobre o factor de risco que supón o envellecemento precoz das persoas coa síndrome de Down fronte ao contaxio e enfermidade de COVID-19.
Por primeira vez, recoñécese nun documento oficial que as persoas coa síndrome de Down teñen un envellecemento precoz que se acentúa notablemente a partir dos 40 anos de idade, e equipáralles en termos de saúde ás persoas de 70-79 anos en relación ao COVID-19. Trátase dun recoñecemento de gran importancia para o colectivo que probablemente contribuirá a avanzar en investigacións no devandito ámbito. A primeira das consecuencias do recoñecemento da mencionada evidencia científica é a inclusión das persoas coa síndrome de Down na Estratexia de vacinación.
Lembramos a importancia de que ademais da vacinación das persoas con síndrome de Down, especialmente das que se atopan en situación vulnerable, se proceda á vacinación dos seus familiares, de modo que a unidade familiar se atope nunha situación de maior protección.
Consulta a Nota de prensa da Comisión de Saúde Pública nesta ligazón: A Comisión de Saúde Pública aproba incluír grupos de alto risco na próxima Actualización da Estratexia de Vacinación