Celebramos o Día Internacional do Voluntariado coa inauguración da exposición “Trazando Solidariedade”

Coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, a Rede Lucense de Voluntariado inaugurou o pasado 2 de decembro no Museo Provincial de Lugo a exposición Trazando Solidariedade para celebrar os seus 15 anos de traballo en rede.

Esta rede supón unha experiencia única en Galicia, a través da que se pretende dar valor e facer visible a labor das persoas voluntarias e a importancia das experiencias compartidas.

A exposición, realizada coa Rede Museística Provincial de Lugo, quere reivindicar as accións voluntarias como forma de participación activa da cidadanía a través dos diferentes espazos dos que consta: A Rede de Voluntariado, Pensando no Voluntariado e O Lenzo do Voluntariado.

Este proxecto expositivo foi creado pola Rede Lucense de Voluntariado que está integrada  polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Aliad Ultreia, Alume Saúde Mental, AECC Lugo, Aspnais, Asociación Xuvenil Ateibo, Auxilia Lugo, Capaces Lugo, Cáritas Diocesana Lugo, Cogami Lugo, Down Lugo, Fundación Dignidade, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano e Raiolas Lugo.

A mostra permanecerá aberta ao público ata finais de xaneiro.