Celebrando o Día Internacional do Voluntariado Telefónica 2021 con luz propia

Un ano máis, a Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (ASTELU) e Down Lugo unímonos para celebrar xuntos o Día Internacional do Voluntariado Telefónica baixo o lema “Con luz propia”.

O día 24 de setembro saímos á rúa a repartir velas decoradas entre as persoas que pasaban pola Praza Maior de Lugo para visibilizar a importante labor do voluntariado nas entidades sociais, á vez que sensibilizar sobre a discapacidade intelectual e a síndrome de Down.

As velas repartidas foron adornadas polos rapaces e rapazas da Asociación e as persoas voluntarias de ASTELU días antes en varios obradoiros levados a cabo no noso local.

Queremos dar as grazas a todas as persoas voluntarias que participaron e que nos acompañaron durante todo o proceso para facernos brillar con luz propia.