Coñecendo o Camiño Primitivo

   

Durante os meses de maio e xuño deste ano 2022, Down Lugo levou a cabo o proxecto Coñecendo o Camiño Primitivo que tiña como obxectivo favorecer a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do Camiño de Santiago, fomentando as relacións sociais para transmitir unha visión de igualdade. Este proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Durante o mes de maio levouse a cabo unha primeira fase do proxecto que consistía nun obradoiro sobre o Camiño de Santiago. Nel as persoas participantes, integrantes da nosa Asociación e persoas voluntarias de ASTELU (Asociación Sénior de Telefónica de Lugo), descubriron curiosidades do camiño a través dun xogo. Tamén realizaron un mural sobre a parte do camiño que se percorrería no mes de xuño.

Foi o 15 de xuño cando se levou a cabo a segunda fase do proxecto. Nesta fase realizouse un pequeno percorrido pola etapa do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo combinando andaina e autobús. Neste percorrido as persoas participantes puideron descubrir localidades como Santa Eulalia de Bóveda, Bacurín, San Romao e Crecente.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que se coñeceu parte do patrimonio do Camiño de Santiago e se xeraron relacións interxeracionais entre as persoas participantes que continuarán no tempo.