Contratación en Cafés Candelas

En Down Lugo estamos de parabéns! Dende o 15 de maio unha das nosas persoas usuarias é un traballador máis en Cafés Candelas.

Cun posto de mozo de almacén, encargarase de tarefas como preparación de pedidos, carga e descarga de mercadorías e mantemento de orde.

Este contrato de traballo é o resultado do bo facer do noso usuario nun período de prácticas realizadas nesta empresa. En febreiro, Cafés Candelas acolleuno en prácticas baixo a metodoloxía de Emprego con Apoio, de forma que un preparador laboral da nosa Asociación lle prestou apoio dentro e fóra do centro de traballo para perfeccionar o desempeño das súas tarefas e funcións. O seu traballo foi tan satisfactorio que Cafés Candelas decidiu integralo de forma indefinida no seu cadro de persoal.

Felicitamos ao noso usuario e agradecemos a Cafés Candelas a confianza no noso Programa de Emprego con Apoio, así como a súa implicación na inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual.