A Federación Down Galicia organizou este pasado venres 19 de abril na súa sede en Santiago de Compostela a xornada “Retos na atención sociosanitaria de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”, un evento informativo e didáctico que reuniu a case 50 persoas.
O evento, que estaba destinada principalmente a profesionais sanitarios de atención primaria e servizos hospitalarios e profesionais do ámbito social de atención e apoio a persoas maiores, así como as asociacións e colexios profesionais dos que forman parte, deixou patente a necesidade dun cambio na atención ás necesidades sociosanitarias do colectivo, xa que o sistema actual non lles está a dar unha resposta axeitada.
O seu obxectivo era, por un lado, facilitar información e formación sobre como se debe afrontar o envellecemento das persoas coa síndrome de Down e outra discapacidade intelectual e, por outro, sensibilizar sobre a importancia da colaboración dos diferentes profesionais do ámbito sociosanitario.
O primeiro dos relatorios correu a cargo de Sandra Peña, educadora e traballadora social en Down Pontevedra Xuntos e Membro da Comisión de envellecemento de Down Galicia, que presentou a realidade do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como os Protocolos de Avaliación e Seguimento do Envellecemento creados pola mencionada comisión. Estes protocolos teñen por obxectivo compensar as dificultades existentes para identificar aqueles signos de alerta que indiquen cambios no estado global da saúde das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e contribuír á súa valoración, establecendo unha serie de instrumentos para a recollida e posterior análise de datos lonxitudinais referidos a estas persoas na súa etapa adulta, que contribúen a un mellor coñecemento dos procesos de envellecemento e de apoio ante a necesidade dun diagnóstico.
O doutor Miguel Gallego, experto en xeriatría e membro do Grupo de Traballo de Atención Médica de Down Galicia, foi o encargado de falar sobre a importancia dunha boa coordinación e da colaboración entre os distintos axentes do ámbito sociosanitario. Durante a súa intervención, presentou varios documentos de interese: a Guía de Recursos sobre Atención Sanitaria, as Recomendacións de saúde para persoas adultas coa síndrome de Down ou a Guía breve para profesionais sanitarios, entre outros.
Pola súa banda, Sinda Blanco Lobeiras, subdirectora xeral de atención primaria da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, e Delmiro Prieto, presidente da Federación Down Galicia foron os encargados de inaugurar o evento.