HomeDestacadosDown Galicia estrea un vídeo explicativo sobre a nova reforma lexislativa en...
Down Galicia estrea un vídeo explicativo sobre a nova reforma lexislativa en materia de discapacidade
O pasado 3 de setembro entraba en vigor a “Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica”, unha reforma moi esperada que remata coas incapacitacións xudiciais das persoas con discapacidade.Con motivo desta nova lei, a Federación Down Galicia acaba de publicar un vídeo explicativo co que pretende que todas as persoas alleas ao mundo lexislativo poidan comprender en poucos minutos os principais cambios con respecto á normativa anterior.Da man de Maripaz García Rubio, Catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Sección Primeira da Comisión de Codificación encargada da elaboración do borrador do proxecto de lei, o documento audiovisual vai repasando as novidades máis salientables, como son a desaparición de figuras como a tutela ou a patria potestade prorrogada e a proposta, no seu lugar, dun sistema de apoios individualizados e adaptados ás necesidades de cada persoa para que poidan tomar as súas propias decisións libremente e con toda a información posible.Deste xeito, a Federación pretende dar a coñecer de xeito sinxelo e comprensible o alcance desta reforma, o seu principal obxectivo, os apoios previstos na lexislación, o significado real do novo sistema proposto ou a situación na que quedan as persoas con discapacidade que estaban incapacitadas xudicialmente ata este momento.O vídeo está dispoñible na seguinte ligazón: https://youtu.be/viV6VMiEsQ8
Coa entrada en vigor desta normativa dáse cumprimento ao mandato do artigo 12 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que obriga aos Estados parte, entre eles España, a garantir a igual capacidade xurídica das persoas con discapacidade en todo o tráfico xurídico, sen restricións nin exclusións, prestando apoios para a toma de decisións cando sexa preciso, pero sen substituír á propia persoa.Esta reforma legal, unha das principais demandas dos colectivos de persoas con discapacidade desde hai moitos anos, supoñerá un cambio radical en como o Dereito civil entende a discapacidade e ás persoas con discapacidade, pasando do esquema paternalista e restritivo de dereitos da substitución ao promotor dos apoios na toma de decisións.