982 240 921

Home Destacados Down Lugo celebra en Ribadeo o Foro “Tan iguais coma diferentes”

Down Lugo celebra en Ribadeo o Foro “Tan iguais coma diferentes”

O pasado sábado 25 de outubro, a localidade de Ribadeo acolleu unha xornada moi especial coa celebración do Foro Tan iguais coma diferentes. A realidade actual das persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, organizado por Down Lugo.

O evento, que tivo lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval, naceu co propósito de crear un espazo de reflexión, aprendizaxe e intercambio de experiencias sobre a inclusión e a situación actual das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, así como a das súas familias.

A xornada comezou ás 10:00 horas co acto inaugural, seguido da conferencia “A inclusión iníciase na familia e crece na asociación”, impartida por D. Gonzalo Berzosa, psicólogo e experto en discapacidade intelectual e inclusión, quen destacou o papel fundamental da contorna familiar e asociativa no desenvolvemento persoal e social das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

A continuación, ás 12:30, tivo lugar a mesa redonda “Pasado e presente: logros e desafíos”, na que persoas vinculadas a Down Lugo compartiron as súas experiencias persoais, reflexionaron sobre os avances conseguidos durante os últimos 30 anos e sinalaron os retos de futuro en materia de inclusión e dereitos.

Xa pola tarde, a xornada continuou na Praza do Cantón coa performance “Tú te me dejas querer”, a cargo da compañía de teatro Down Lugo, que logrou emocionar ao público e servir de preludio da representación teatral 21/3, presentada ás 19:00 horas no Cine Teatro de Ribadeo.

Dende Down Lugo queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao Concello de Ribadeo e á Xunta de Galicia pola súa colaboración e compromiso cos dereitos das persoas con discapacidade intelectual, así como ao colectivo artístico ribadense As Vacas Fracas, polos talleres artísticos que levaron a cabo durante a xornada que aportaron creatividade e moito dinamismo.

O Foro Tan iguais como diferentes converteuse nun espazo de encontro, celebración e reflexión sobre a inclusión real, os logros alcanzados e os desafíos que aínda quedan por superar. Unha xornada que reforza o noso compromiso cunha sociedade máis xusta, participativa e diversa.