Dende o mes de outubro un grupo de mozos e mozas da nosa entidade está a participar nos adestramentos de baloncesto de Xuncas Diversia Lugo. Todos os xoves, este grupo de 9 deportistas desprázase dende a Asociación para participar nos adestramentos.
A finais do curso pasado ofrecéronnos a posibilidade de participar neste proxecto que demostra que o deporte pode ser un elemento esencial para crear contornas de tolerancia, cooperación, saúde e inclusión.
Está a ser unha experiencia moi boa, na que ademais de aprender a xogar ao baloncesto e a coñecer súas normas, interiorizamos valores tan importantes como o compañeirismo, o traballo en equipo e a vida saudable.
Xuncas Diversia é un club que nace no ano 1979 cando un grupo de profesores deciden crear un equipo de baloncesto feminino, o Xuncas CD Baloncesto, que acada gran renome na nosa cidade e que co paso do tempo foi medrando e evolucionando ata incorporar, posteriormente unha sección de atletismo e a sección Diversia, unha escola de baloncesto en cadeira de rodas.
Agradecémoslles ao club que nos brindase a oportunidade de participar neste proxecto que tan boas vivencias nos trae.