Lucía Serén, de Down Lugo, e Pepa Lockhart, de Down Compostela, son dúas adolescentes coa síndrome de Down que acaban de converterse en actrices de dobraxe. As dúas poñerán voz a Valentina, a protagonista do filme do mesmo nome que acaba de converterse en candidata a mellor película de animación nos vindeiros Premios Goya.
Todo comezou hai dous anos, cando a produtora da película contactou coa Federación Down Galicia na busca de persoas candidatas para convertérense na voz de Valentina e, tras varios castings, apostaron por Lucía para a versión orixinal en galego e por Pepa na versión en castelán.
A directora do filme, Chelo Loureiro, indicou que “tiña claro que non quería poñer a unha actriz de dobraxe imitando a unha persoa coa síndrome de Down. Non só porque é moi difícil imitar as súas voces, xa que son moi características, senón que se estamos a falar de integración non tiña sentido crear unha farsa”.
E así, trala selección, chegou o momento de poñerse a traballar. Tanto Lucía como Pepa coinciden en que tiveron que “ensaiar moito e repasar na casa”, pero que foi “unha experiencia inesquecible”. As gravacións tiveron lugar, en primeiro termo, no Milladoiro e máis tarde en Cambre para ultimar todos os detalles.
Pero Lucía e Pepa non só acadaron unha gran vivencia, senón que ambas rapazas comezaron unha estupenda amizade que conservan a día de hoxe. “Fixémonos moi amigas e seguimos facendo vídeo chamadas e quedando para xogar, ir de paseo…”, comenta contenta Lucía.
Pepa, pola súa parte, destaca que “a experiencia foi marabillosa” e que de Valentina gústalle “que sexa súper extrovertida e alegre”. Ademais, pensa que a escolleron para dobrar a esta personaxe “porque temos cousas en común como a síndrome de Down, ser loitadoras e responsables e ter unhas avoas super cañeiras”.
O nomeamento de Valentina como mellor película de animación aos premios Goya fai sorrir a Lucía e a Pepa, que están a vivir a experiencia con intensidade e ultiman xa os preparativos para viaxar este sábado a Madrid para ver a primeira proxección da película.
Valentina
Na película dirixida por Chelo Loureiro, que chegará ás salas de cine o vindeiro 10 de decembro, Valentina soña con ser trapecista e cre que non o conseguirá por ter síndrome de Down. Pero a súa avoa insístelle que se as eirugas conseguen converterse en bolboretas nada é imposible e que ela, á súa idade, segue soñando con ser directora de orquestra.
“Valentina vive a súa infancia igual que calquera outra nena, pero moitas veces mentres aos outros nenos e nenas danlles ás, a estes córtanllas. Creo que é iso sobre o que deberiamos reflexionar e axudarlles a que os seus soños se cumpran tamén”, indicou a directora, produtora e guionista ferrolá nunha entrevista concedida a Europa Press. “Non pretendía contar a historia dun destes nenos”, senón que a súa pretensión era “contar a historia dunha nena cunha discapacidade, pero normalizada; que a historia non fóra sobre a discapacidade, senón sobre a historia desa nena, neste caso Valentina, que ten as mesmas ilusións que calquera outro neno”, explica.