O venres 9 de xuño un grupo de mozos e mozas de Down Ourense realizaron unha visita a Down Lugo dentro do Programa de Encontros Bilaterais do movemento Down Galicia.
A media mañá o grupo de mozas e mozos de Down Ourense chegou a nosa Asociación, onde algúns rapaces/as, como bos anfitrións, mostráronlles as instalacións. A continuación, realizamos unhas dinámicas de presentación para empezar a coñecernos.
Unha vez rematadas as presentacións e divididos en dous grupos, realizamos unha xincana polo centro da cidade lucense. En cada punto da xincana os/as participantes debían superar un pequeno reto e facerse unha foto grupal.
Despois de comer todos/as xuntos/as e aproveitando que a choiva daba unha tregua puidemos continuar con algún dos retos que quedaran pendentes pola mañá ata que chegou a hora de que o grupo de Down Ourense se marchase, despedíndonos todos/as con ganas de que chegue o próximo encontro.