Nestas últimas semanas realizamos dous encontros en Ourense con dous grupos de rapazas e rapaces de Down Ourense, enmarcados dentro do Programa de Encontros Bilaterais do movemento Down Galicia.
No primeiro encontro, o venres 22 de setembro, quedamos cos compañeiros/as de Down Ourense no Parque da Alameda, onde tomamos algo todos xuntos e despois demos un paseo polo casco histórico da cidade.
Coñecemos As Burgas, onde poucos valentes se atreveron a meter a man, do quente que estaba a auga! E tamén pasamos pola Praza Maior, o Parque de San Lázaro e a Ponte Romana, onde sacamos unha foto coas letras de Ourense.
Na seguinte fin de semana, outro grupo de Lugo foi de sábado a domingo. Unha vez instalados no hotel quedamos cos rapaces e rapazas de Down Ourense no Parque de San Lázaro e percorremos o casco histórico.
Pasamos unha tarde tranquila nas termas de Outariz e, aínda que facía moita calor, algúns/has atrevidos/as quixeron probar a meterse na auga quente! Puidemos desfrutar tamén dun paseo no tren turístico, que nos deixou ver as mellores vistas da cidade, e pola noite, despois de cear todos xuntos, fomos de festa pola zona de viños de Ourense.
Xa o domingo, despois de almorzar, marchamos para as nosas casas.
Agradecemos aos nosos/as compañeiros/as de Ourense a súa hospitalidade e xa estamos agardando a súa visita a finais de outubro.
Estes encontros foron posible grazas á subvención de Política Social destinada a programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.