Faite con esta botella e énchea de solidariedade é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda unha botella eco-friendly con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.
A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.
Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir esta botella debe reservala no seu quiosco máis próximo desde o luns 8 de marzo ata o venres 12 de marzo, para poder recollela co xornal La Voz de Galicia entre os días 18 e 24 de marzo.
A botella, feita en aceiro inoxidable e cunha capacidade de 630 ml., presenta un deseño moi atractivo no que se inclúe o lema da campaña de Down Galicia para este Día Mundial, “Tan diferentes como iguais”. Con este leitmotiv preténdese poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade.
Un ano máis, a Federación opta por sumar esforzos a favor doutra reivindicación mundial histórica, a de salvar o noso planeta. Por este motivo, Down Galicia pon á venda un produto sostible e respectuoso co medio ambiente.
Esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.
Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada botella vendida co seu xornal.
Características da botella:
- Feita en aceiro inoxidable
- Capacidade: 630 ml.
- Medidas: 7 x 26 cm.
- Peso: 160 gr.