Luis Cristóbal Sarandeses, un mozo coa síndrome de Down veciño de Agolada, volverá traballar este ano no concello da súa localidade trala sinatura dun novo convenio de colaboración entre a administración municipal e a asociación Down Lugo.
Este é xa o noveno ano, desde que se asinase o primeiro acordo en 2014, no que Luis se une ao equipo de traballo da administración local, traballando nesta ocasión como pegador de carteis durante 3 meses.
Para formalizar este convenio, Sarai Lodeiro e Fran Varela, técnicos da asociación Down Lugo, desprazáronse o pasado luns ata o Concello de Agolada, onde foron recibidos polo propio Luis, que lles ensinou o seu lugar de traballo e tamén lles presentou aos seus compañeiros e compañeiras.
Esta contratación, iniciada a finais do mes de marzo, queda englobada dentro do mencionado acordo, que ten por obxecto facilitar o proceso de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual do servizo de Emprego con Apoio de Down Lugo.
Lodeiro, responsable de emprego da entidade Down, agradece unha vez máis esta oportunidade, remarcando que “Agolada sempre foi un exemplo de como as administracións públicas deben ser as primeiras en contribuír á inclusión social das persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais”.