Con motivo da conmemoración do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de maio en España, a Federación Down Galicia e as súas entidades membro lanzan unha campaña de concienciación para tratar de desbotar os prexuízos existentes contra as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Deste xeito, persoas usuarias das entidades Down de Galicia, familiares, profesionais e amizades xuntáronse para gravar divertidos vídeos onde nada é o que, a priori, podería parecer. Utilizando un formato propio da rede social TikTok e a través de distintas preguntas cotiás, crearase conciencia sobre moitos dos prexuízos máis arraigados na sociedade en relación ao colectivo: emprego, educación, tempo de lecer, hábitos diarios…
Esta serie de 5 vídeos serán publicados durante toda esta semana do 3 de maio, baixo o hashtag #FóraPrexuízos, co que se pretende dar unha clara e sinxela indicación do que a sociedade debe facer neste senso para respectar os dereitos de todos e todas.
E é que, a pesares de estar xa no século XXI, persisten aínda numerosos mitos sobre as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e está na man de cada un e cada unha de nós combatelos e derrubalos para que deixen de crear falsas realidades.