O Xacobeo ilumina monumentos de Galicia co emblema das entidades Down para apoiar o Día Mundial da Síndrome de Down

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e María José Blanco Freire, presidenta de Down Lugo, participaron o venres 18 de marzo no acendido da Catedral da cidade lucense, onde Sabela e Marcos, persoas usuarias da nosa entidade leron o manifesto do Movemento Down para este 2022.

Actos simultáneos noutros puntos de Galicia

En Santiago de Compostela, o director xeral de maiores e persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, e membros da Fundación Down Compostela participaron no acendido da Torre da Berenguela da Catedral de Santiago, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down.

Delmiro Prieto González destacou a importancia dunha xornada como a do Día Mundial da Síndrome de Down, que axuda a dar visibilidade á realidade do colectivo de persoas con esta alteración cromosómica, aínda que o ideal sería que chegase o momento “no que non se teñan que celebrar tantos “Días de”, que poñen de manifesto que algo falla na sociedade, senón conmemorar o día en que non haxa nada que celebrar”. Así mesmo quixo agradecer á Xunta a súa aposta pola concienciación pública sobre a síndrome de Down, así como a súa colaboración na iluminación dos monumentos e na organización destes actos.

Pola súa parte, en Vigo, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández- Tapias, acompañou aos representantes da xunta directiva de Down Vigo no acendido da iluminación da sede da Delegación Territorial na cidade olívica.