Obradoiros de Educación financeira cos voluntarios de “la Caixa”

O pasado mes de setembro dous voluntarios de “la Caixa” colaboraron con Down Lugo impartindo uns obradoiros sobre educación financeira básica.

O obxectivo destes obradoiros é axudar ás persoas participantes a comprender conceptos financeiros básicos sobre a xestión dos cartos e ofrecer ferramentas básicas para xestionar o presuposto persoal.

Os obradoiros dividíronse en dúas partes. Na primeira, chamada “Xestiona a túa economía”, fíxose referencia ao presuposto familiar e a importancia do aforro. Na segunda, chamada “O teu banco e ti”, centráronse na operativa bancaria básica (contas correntes, nómina, tarxetas de débito e de crédito…) e os distintos medios de pago existentes. Ademais ofrecéronse recomendacións de seguridade bancaria (contrasinais, compras por Internet…), algo moi importante actualmente.

Nas 4 sesións impartidas, os nosos mozos e mozas contaron con diferentes material manipulable, co que puideron ver os tipos de gastos necesarios e innecesarios, coñecer conceptos básicos sobre aforro e visualizalos con exemplos prácticos (poñéndose na situación dunha persoa que traballaba e vivía de forma independente, por exemplo).

Os mozos e mozas da Asociación mostráronse interesados e participativos, preguntando dúbidas que lles ían xurdindo a medida que se ían expoñendo conceptos novos e pensaban na aplicación na súa vida diaria.

Moitas grazas a Jose Manuel e Johan por traernos esta experiencia tan útil e enriquecedora a Down Lugo!